segunda-feira, 26 de novembro de 2012

Queixumes dos Pinhos... ou como se canta em bom galaico-português




Canto 45

(...)

Cal vario e radioso,
de monte a monte está
o ledo e curvo iris
sobre do verde val,
e seus formosos cornos
soe ufano amostrar
aos fillos da terra
profético sinal:
tal ti, nobre e comprida,
boa raza lanzal,
nos días da futura,
boa edade, serás
atamento garrido,
forte noo sin rival,
ponte de ledos arcos
qu'e doce contemprar,
e os bos fillos do Luso
e os fortes irmáns,
nun só noo, fortemente,
os dous contringirás.
!Tal é a somellanza sonorosa
do garrido falar!

Si... Dos fillos do Luso,
qu'apartados están
por real estulticia
da groriosa nai,
o pastor, boo e forte,
algún dia serás
qu'a tribu vagorosa
ao deixado clan,
o descarriado gando,
qu'agora errando está,
ao redil antigo
glorioso volverás.

E aquela nobre pléiade
de fortes no loitar,
qu'a constancia heredaran
dos boos e fortes pais,
e nos férreos propósitos
non consenten rival,
que levan no sembrante
a palidez lanzal
do turbulento insomnio
e do rudo pensar,
soldados valerosos
d'afanoso ideal,
somellantes a aqueles
que, con ousado afán,
na ruda Cernagora,
de fortes forte nai,
amostrar fan as presurosas prantas
á caterva d'Agar,

estes a terra verde
do olvido tirarán
e os cativos ultrages
do estraño desleal,
co garrido instrumento,
qu'e nobre gobernar
(quezais antigo adorno
dalgún cisne lanzal),
a prevención ignava,
a estulticia cerval,
e as palabras de ferro injuriosas
da patria vingarán.

!oh canta luz eu vejo,
que na futura edá
da tua frente sae,
gente de Breogán,
como soe antr'as brétomas
a luz do cabo Ougal,
que cos seus longos cornos
centelleando está
e ós ousados navegantes
é seguro sinal!

CANTO 72

Fora abondo co oprobio pasado
dun brando servir,
madre escura d'escuros ilotas,
Mesenia Infeliz.

A Pitia, convulsa,
dixera de ti;
o oráculo dixo:
"Quen serve, ese é vil".
Ser forte ou escravo,
morrer ou vivir:
cinge o peito d'esforzo e de ferro,
'Spartaco cho di,
!esnaca na frente de quen cho lanzara
o estigma servil!

CANTO 73

Coroados de frores,
en alegrebanquete,
sobre o verde cómaro da vida
o corpo recrinado brandamente,
fácil é ser magnánimos
e amistá prometerse.
Pero cando a fortuna,
que constancia non teve,
c'as usadas promesas
injusta nos fallece,
entonces os convivas,
que boas leis non reteñen,
polo pracer afeminado e brando
unidos tan somente,
ja concluído o báquico alborozo
e cancións alegres,
e vacias as copas
do seu licor fervente,
entregar soen ó cobarde olvido
o qu'a lingua femínea promete.
o caso está na ruda
adversidade urgente,
diante da dura proba
mostrar o peito enxebre,
e sustentar magnánimos
noso ideal ardente.

Soo nos traballos duros,
qu'o ánimo ennobrecen,
sábese canto valen
aqueles que reteñen
as leis do honor difiz'le
no momento solemne,
non coroados de suaves frores
en alegre banquete.
!o peligro afrontando e o duro ferro,
así é, así é como se vence!

Aguardovos na esquiva e dura proba,
quezais en tempos breve,
non cenguidos de frores
en alegre banquete,
mais nos duros traballos
qu'o ánimo ennobrecen,
ante o transfugio infame
qu'o honor compromete.
!O peligro afrontando e o duro ferro,
así é, así é como se vence!

CANTO 75

A voluntade homérica
e propósitos férreos
de facer bos e libres
os españoles peitos,
dos novos ideales
o nobre e forte empeño
non se compren somente
nos límites estreitos
da patria desmedrada
polos antigos erros,
nin deben, non, morrer escuramente
nos ja minguados e cativos eidos

Mais ajudando aqueles,
do futuro sedentos,
qu'o ideal, a raza,
levan nos fortes peitos,
e con nosoutros parten
os bos campos ibéricos,
e nos son semellantes
no sonoroso acento e no bogar lexano
e nos groriosos feitos:
!quebrantemos da serva Lusitania
tamén os duros e oprobiosos ferros!

Nos esquivos combates
e nos fortes enpeños,
qu'ai que ter polos nobres
ideales ibéricos,
non detéña-la pranta
nos límites estreitos
non sigas os hispánicos,
políticos pigmeos;
non olvides, !oh forte!,
os galaicos intentos:
!quebrantemos da serva Lusitania
tamén os duros e oprobiosos ferros!

Sem comentários:

Enviar um comentário